Lira, a pequena vila onde se atopa a nosa casa, é un lugar tranquilo onde podes pasar tempo cos teus veciños, mercar pan ou peixe traído a diario en furgoneta ou gozar do solpor desde os seus miradoiros e da soidade das súas praias e calas.
Carnota, un lugar
tranquilo rodeado de natureza, cultura e gastronomía
Propoñemos un turismo consciente e sosegado, onde poidas valorar o local e deixarte levar polo ritmo da natureza
Natureza
Ir á praia, facer sendeirismo, surfear ou dar un paseo en barco son só algunhas das actividades que podes desfrutar preto da Casiña de Lira.
A praia de Carnota é a máis coñecida, pero hai moitas outras praias impresionantes como Lariño, Ancoradoiro, Louro, etc. onde podes gozar dun fermoso día.
Un dos paseos máis recomendables comeza dende a casa ata o Faro de Lariño, un lugar maxestoso onde tamén se pode tomar un xeado ou cear na súa pequena taberna.
Imprescindible é subir ao Monte Pindo, unha montaña chea de lendas. Outra opción menos esixente e moi fermosa é subir ao monte Louro, no veciño concello de Muros.
Cultura
No concello de Carnota hai máis de 900 hórreos (símbolo cultural da arquitectura popular galega baseado nunha construción elevada desde o chan para almacenar gran ou outros produtos agrícolas). Temos un na casa, pero os máis representativos son sen dúbida o Hórreo de Carnota e o Hórreo de Lira, coñecidos polo seu tamaño e perfecto estado de conservación.
O centro histórico de Muros, a 10 minutos en coche de Lira, foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1970. Perderse polas súas rúas estreitas e empedradas, tomar algo nas súas prazas ou visitar o mercado ou a súa lonxa son algunhas das marabillas que non podes perderte.
Moi preto tamén tes a Fábrica de Sel e o Muíño de Mareas do Pozo do Cachón.
Restaurantes
Estás a medio camiño entre A Costa da Morte e as Rías Baixas, dous referentes gastronómicos recoñecidos polo seu peixe e marisco.
En Carnota e Muros, atoparás múltiples opcións para degustar produtos frescos e locais.
En Lira, a 5 minutos a pé da nosa casa, tamén atoparás locais que serven tapas e racións tradicionais galegas.
